Sobre a fragua

Esta casa pertence á miña familia dende o século XIX. A miña nai, o meu avó e o avó da miña nai naceron aquí…

Co paso dos anos a casa foise adaptando ás necesidades da familia, pasou de ser unha pequena casa dunha planta ao aspecto actual en forma de L, cunha adega na planta baixa, unha gran cociña e un pequeno establo que albergaba aos animais que unha familia rural necesitaba a finais do século XIX.

Dende que eu teño memoria, a casa estaba rodeada polas fachadas oeste e sur, estendéndose case ata a parte traseira da finca, por un viñedo alto formado por viñas de diferentes variedades de uva branca e tinta: loureiro, treixadura, caíño e albariño. Podense ver arredor da leira postes de granito monolíticos que sostiñan os emparrados e que recordan que, hai moito tempo, as viñas eran moito máis numerosas e que a adega da planta baixa servía para gardar unha “xenerosa” produción de viño seguramente destinada á venda ademais do consumo propio. No xardín está o pé da última prensa que había na adega.

Co paso do tempo, as vides perderon protagonismo e o meu avó, que herdou a casa da nai, tamén herdou o oficio do seu pai, o de ferreiro. Diante do portal principal da casa atopábase a fragua da que os únicos vestixios que coñecín son as grandes pedras que compoñían as súas paredes e hoxe están espalladas pola finca con distintas e variadas funcionalidades.

WordPress Cookie Notice by Real Cookie Banner